Tuesday 30 de April de 2024

Moeche ofrece natación, exercicio ao aire libre, sendeirismo e outras actividades dentro das súas escolas deportivas para o verán


O Concello tamén ten abertas as inscricións na carreira popular do próximo 18 de xuño

O Concello de Moeche ten aberto o prazo de inscrición na sétima edición da carreira popular, que percorrerá San Ramón e os seus arredores o próximo 18 de xuño. O evento marcará o inicio das actividades estivais promovidas pola área de Deportes co obxectivo de fomentar hábitos saudables e o desfrute do aire libre, agora que os días son máis longos e, esperemos, de bo tempo. A oferta das Escolas Deportivas de Verán será ben variada durante xullo e agosto: natación, mantemento físico, rutas de sendeirismo e incluso tenis para a rapazada, a través do programa Corresponsables da FGT. Agás nesta última, cuxo prazo para apuntarse remata nuns días, nas demais propostas poderemos inscribirnos a partir do luns 6 de xuño.

A Concellería de Deportes organizou un programa pensado para todas as idades que terá como lugares de referencia a piscina municipal e o parque biosaudable de San Ramón.

No primeiro caso será onde se desenvolvan en días alternos e horario de mañá as actividades acuáticas de iniciación e perfeccionamento en natación para a cativería e as de natación e ximnasia na auga para persoas adultas.

As actividades de exercicio físico para persoas maiores aproveitarán o equipamento e o espazo arredor da Casa do Concello para tonificar tanto o corpo como a mente por medio de xogos moi entretidos que buscan tamén favorecer a interacción social.

Xunto con estas propostas, o Concello tamén organizará dúas rutas de sendeirismo gratuítas, unha a finais de xullo por Labacengos e outra no remate de agosto por Santa Cruz. Aos percorridos e outros detalles daráselles cumprida publicidade nos días previos.

Cabe recordar, ademais, que durante o verán tamén volverán as xeorrutas do Toelo e de Mina Piquito, cuxa reserva estará centralizada este ano xunto con toda a oferta de itinerarios xeolóxicos do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal.

Igual que outros anos, neste tamén volve haber tenis. A actividade estará coordinada pola Federación Galega de Tenis dentro do programa Corresponsables, ao que Moeche se adheriu canda outros municipios galegos. As clases desenvolveranse pola tarde e, tal e como se informou onte a través das redes sociais, a inscrición hai que facela directamente na plataforma da Federación.

O período de inscrición nas restantes actividades organizadas polo Concello abrirase o luns 6 de xuño e poderá formalizarse na sede electrónica de www.moeche.gal ou na Casa do Concello, no rexistro xeral. Unha vez confirmada a praza por parte do departamento de Deportes haberá que efectuar o pagamento de taxas, sempre antes do comezo do curso.

Os prezos e os descontos das actividades poden consultarse na web municipal www.moeche.gal.

As próximas citas
E mentres se prepara o inicio das actividades de verán, o calendario municipal xa ten dúas referencias á volta duns días. A primeira delas é o peche do curso das Escolas Deportivas Municipais, que terá lugar no pavillón municipal o venres 17 de xuño. Nas escolas participaron medio cento de alumnas e alumnos, quen aproveitarán a ocasión para mostrar a súa evolución desde o pasado outono. Na clausura dos distintos cursos entregaranse diplomas e agasallos.

Ao día seguinte, o sábado 18 de xuño, tocaralle á VII Carreira Concello de Moeche. A popular percorrerá o recinto de San Ramón nas categorías inferiores, mentres que as categorías que entran na carreira absoluta deberán completar un trazado de 6,7 quilómetros arredor do centro urbano. O período de inscrición está aberto ata o próximo día 16.